Lugo tómalle o pulso á Administración Electrónica no eido local cunhas xornadas

martes, 25 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

A Rede é un eido aberto de experimentación e, en certa maneira, é como un gran espazo escuro do que só conseguimos alumear, polo de agora, pouco máis que o limiar da entrada. En materia de Administración Electrónica, tanto cidadáns como institucións estamos aínda en fase de prequecemento. Sabemos máis ou menos cara a onde hai que correr, pero apenas comezamos. Co fin de ir botando un pouco máis de luz sobre estas cuestións, a Universidade de Santiago e a Fundación Jaime Vera organizan este venres 28 en Lugo as xornadas Mellores prácticas no uso das TIC no ámbito municipal, uns encontros que servirán para avaliar polo miúdo o camiño andado e o que fica por andar.
Na imaxe, a aula de conexión á rede do Castiñeiro na cidade da Muralla.
Máis polo miúdo, o obxectivo das xornadas (que dan comezo ás 10.00 horas no Centro de Empresas e Innovación) é o seguinte: analizar o grao de implantación e as experiencias dos gobernos locais socialistas e as perspectivas de futuro en materia de incorporación de novas tecnoloxías nas administracións. Estes encontros, que son abertos pero que van especialmente encamiñados a cargos públicos e políticos do eido local e do universitario, contarán –entre outros- coa presenza dos seguintes participantes: Carlos Herrero, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Elena Vázquez Cendón, directora da cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social; María Ángeles López Cabarcos, directora da aula TIC-Pemes da USC e Francesc Romeu i Martí, director da Fundación Jaime Vera.
Como dixemos, as xornadas desenvolverase no Centro de Empresas e Innovación (CEI) e serán clausuradas ás 14:00 horas, polo alcalde de Lugo, José López Orozco; o director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, David Cierco Jiménez de Parga, e o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro.
Os interesados en participar poden facer a súa inscrición a través da web da fundación ou chamando ao teléfono 9185812412. Tamén se ofrece información no enderezo de correo electrónico niera@fundacionjaimevera.org.

PUBLICIDADE