Lugo súmase este sábado ás celebracións internacionais de Arduino

venres, 11 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Aínda non sabemos en que consiste o espírito maker? Pois este sábado 12 de maio imos ter unha boa oportunidade de emendar esta eiva de coñecemento, da man de asociación Makers Lugo, do Concello e máis do CEI-Nodus. Estamos a falar da quinta entrega galega do Arduino Day, a edición nosa dun senlleiro evento internacional que conmemora os achados e contribucións de Arduino, a plataforma de hardware e software libre (tanto no que se refire ao deseño como á distribución) deseñada para facilitar (e para democratizar) o uso da electrónica en proxectos multidisciplinares e interactivos. A cita deste sábado, aberta a todas as idades, servirá para argallar diversas iniciativas relacionadas coa placa Arduino, incluídas competicións de robots e obradoiros educativos para as persoas interesadas en ampliar coñecementos sobre tecnoloxías.
Como lembraremos, Makers Lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, co ánimo de contribuír á construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Dende a asociación organizan quedadas, obradoiros e charlas para introducir á xente no movemento Maker e nas súas amplas posibilidades de desenvolvemento, participación e democratización da tecnoloxía e a innovación.
A cita de Lugo poderá visitarse en horario de 10:30 á 13:30 horas e de 16:30 á 19:00 horas e contará coa presenza e as iniciativas de argalleiras/os que ofrecerán aos visitantes unha gran variedade de proxectos de impresión 3D, de robótica auditiva e de electrónica ou de CNC, entre outros. Ademais as persoas interesadas en mostrar o seu traballo, ideas ou aparellos baseados no Arduino, participar en competicións de robots ou en talleres educativos poden apuntarse vía web.

PUBLICIDADE