Lorostudio pecha un acordo para mellorar a explotación das súas Mobiguías

martes, 4 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A empresa ferrolá Lorostudio, dedicada ó desenvolvemento de solucións Java para móbil e TDT, e Isabella Audiovisual veñen de asinar un acordo que permitirá a distribución da ferramenta de marketing Mobiguías creada por Lorostudio, de xeito que se dará a coñecer a nivel estatal e internacional.
Mobiguías é unha solución deseñada para que principalmente as axencias de marketing e comunicación poidan empregala sen precisar de persoal con coñecementos de programación Java, abríndolle o desenvolvemento de campañas de Mobile Marketing de xeito doado, rápido e cun importante aforro de custos, controlando a axencia todo o proceso dende a propia plataforma de desenvolvemento, empezando polo deseño e rematando no envío da aplicación final a través de SMS ó usuario final.
O proceso de creación de aplicacións para móbil é tan doado coma usar aplicacións coma o MS PowerPoing, e conta con certificación para a meirande parte de móbiles do mercado (incluíndo terminais Blackberry). Amais, a meirande parte dos contidos permanecen no móbil do usuario, de xeito que para a consulta dos datos das aplicacións creadas non é preciso conectarse á Rede de cada vez.

PUBLICIDADE