Lisboa acollerá un encontro internacional sobre a Rede como servizo universal

xoves, 30 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Debe existir acceso a Internet sen que previamente se teña rexistrado unha demanda? Quen é o responsable de habilitar ese servizo, as institucións públicas, as empresas ou ámbalas dúas? En relación coa primeira pregunta, semella que a cuestión está clara abonda para determinados grupos políticos pero non tanta para outros, e moito menos aínda para as compañías que subministran os servizos de acceso, que en ocasións só se animan a mover ficha onde saben que hai mercado. O caso é que a cuestión non está pechada, e debater sobre ela semella o mellor xeito de ir atopando respostas claras Así o entende ANACOM, entidade portuguesa de telecomunicacións que organiza a partir do 28 de setembro en Lisboa un encontro internacional sobre o servizo universal de acceso á Rede.
Máis concretamente, o evento xirará arredor deste eixe: o futuro da lexislación que ordenará a converxencia das tecnoloxías no eido da Unión Europea.
Segundo informa a Consellería de Innovación, o deseño de novos modelos de negocio e os regulamentos que, xa que logo, deberán ser redactados para rexer estas medidas será un dos aspectos máis salientables do encontro. Asemade, na conferencia (á que acudirán especialistas do país anfitrión, Hungría, Estados Unidos ou España) falarase polo miúdo das políticas de regulación do espectro radioeléctrico co fin de acadar a categoría de dereito universal para o acceso á Sociedade da Información.

PUBLICIDADE