Lingua@net Europa: case 3.900 recursos para aprender en liña outros idiomas

venres, 11 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Que queremos aprender outro idioma ou mellorar o que empregamos decote e non sabemos por onde tirar? Internet, neste e noutros sensos, semella unha boa porta na que petar, tanto pola cantidade dos recursos dispoñibles como, cada vez máis, a calidade. O panorama é amplo e está en constante desenvolvemento, pero de tódolos vistos estes días reflectidos na Rede quedámonos co proxecto Lingu@net Europa, reflectido en Chuza!, e que como dixemos xa hai uns anos consiste nun servizo en liña para a aprendizaxe de linguas que xa anda a rentes dos 3.900 recursos dispoñibles, algúns dirixidos á aprendizaxe dunha lingua no seu nivel básico, outros encamiñados “a aprender a aprender” e outros a avaliar o nivel que se teña de coñecemento dunha lingua.

A iniciativa, que conta co apoio directo de dúas ducias de entidades de 20 países europeos, xurdiu co obxectivo de reforzar e aumentar as ferramentas dispoñíbeis para o achegamento a outros idiomas, ao tempo que se crea o escenario máis idóneo para a incorporación de novas culturas e identidades a promover.

A web, que está dispoñíbel no galego da RAG e en galego-portugués, vén a ser un centro multilingüe dixital (aberto a tódalas linguas posibles) que fornece á comunidade internauta de servizos previamente certificados na súa calidade. Entre as opcións que se inclúen de acceso figuran as seguintes: alemán, éuscaro, catalán, dinamarqués, estonio, finés, francés, galego, castelán, grego, holandés, inglés, islandés, italiano, lituano, maltés, polaco, galego-portugués ou sueco.

O proxecto, na súa orixe de gran utilidade para os profesionais do ensino, pretende ser agora unha comunidade aberta a todo tipo de demandantes. Arestora, conta co apoio orzamentario da Comisión Europea a través do Programa Sócrates, investimentos que están a servir para abranguer máis linguas nos seus servizos, incrementar o número de recursos e dar apoio a adultos que queiran aprender novos idiomas. O Lingu@net Europa é de balde e fica accesíbel para a achega colectiva de recursos que poidan ser incorporados. Por puntos, a páxina de entrada neste portal ofrécenos as seguintes opcións:

· Unha análise das competencias lingüísticas de cada quen, achegándonos formas de avalialas.

· Vieiros novos e personalizados para aprender idiomas.

· Participación e comunicación con outros alumnos a través dun chat e outras canles.

· Materiais para a aprendizaxe e o ensino dunha longa listaxe de linguas.

PUBLICIDADE