O galego integrarase no proxecto Lingu@net
Os termos da incorporación do galego ó proxecto Lingu@net Europa Plus estanse a ultimar por parte dunha delegación galega en Lisboa, nun momento no que o proxecto debe decidir sobre a abordaxe da problemática que se achega, pois en agosto de 2006 o programa Sócrates Lingua 2 da Comisión Europea deixará de estar subvencionado, polo que hai que atopar novas canles de financiamento.
O proxecto é unha ferramenta eficaz para a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas dentro do marco común europeo, que ofrece acceso de balde a máis de 1.500 recursos educativos ós que se engadirán 500 máis nos vindeiros meses.
Na actualidade os recursos están dispoñibles en alemán, español, francés, holandés, inglés e italiano, pero a partires de abril de 2006 o galego será unha das novas linguas soportadas, polo que os estudantes, profesores e investigadores poderán achegar mediante as novas tecnoloxías unha chea de recursos moi interesantes accesibles na nosa fala.
A presenza de Galicia no proxecto Lingu@net realizarase a través dunha delegación da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten previsto desenvolver diversas accións durante esta lexislatura para a difusión e a proxección da lingua galega no ámbito exterior.

Máis de cen actividades animarán a Semana da Ciencia en Galicia
Non é unha semana (é case un mes) pero si que xira en torno da ciencia, para poñela ó alcance da sociedade. A Semana da Ciencia celébrase cada ano en toda Europa, ó longo do mes de novembro, e Galicia tamén se suma a este longo evento cun programa de 107 actividades nas que participan 21 entidades, entre institucións, universidades, asociacións e centros científicos. Ademais, desenvolveranse 46 mesas redondas e conferencias, 18 xornadas de portar abertas e visitas guiadas, 4 cursos e obradoiros, 8 itinerarios didácticos e excursións, 11 exposicións e 10 ciclos de cine.
O obxectivo da Semana da Ciencia, coordinada pola Dirección Xeral de I+D, é poñer a ciencia ó alcance da man de todas aquelas persoas que viven e traballan fóra dos centros de investigacións, as universidades ou os departamentos de investigación das empresas. O programa das actividades é tan amplo que non poderiamos darlle sitio neste espazo, polo que se recomenda visitar a web habilitada pola Dirección Xeral de I+D, onde se pode descargar en diferentes formatos.

Un xogo para a consola Xbox 360 promociónase de xeito polémico
Nos últimos días chegou unha sorprendente edición da revista FHM, que se publicou con dúas portadas: unha coa afamada Paris Hilton e outra cunha misteriosa Joanna Dark. O curioso é que Joanna Dark non é unha persoa de verdade, senón que se trata dun personaxe virtual que protagoniza o xogo estrela de Xbox 360 para o mes de decembro, que busca así un xeito de ter unha repercusión maior.
O videoxogo en cuestión é o Perfect Dark Zero, que é a precuela do Perfect Dark que en 2000 acadara grande éxito na consola Nintendo 64, pero o método empregado para a promoción está a ser duramente criticado, xa que os aspecto foto-realista que presenta Joanna Dark na revista masculina (na que tamén se inclúe unha falsa entrevista á moza) non ten nada que ver coa calidade dos gráficos que se ven no xogo (nin sequera nos vídeos introdutorios). Consideran así que se trata dunha campaña de publicidade fraudulenta.
De tódolos xeito, de esquecer a campaña publicitaria teriamos un xogo que vai a dar moito xogo, xa que revoluciona certos modos multixogador. Por exemplo, permite xogar a dous usuarios simultaneamente na mesma consola partindo a imaxe en dous (split screen horizontal), con dúas consolas a través un cable System Link ou incluso xogar en rede contra outros participantes (cun máximo de 32 xogadores) a través de Xbox Live.
O xogo en rede non será só competitivo, senón que tamén se poderá participar de xeito cooperativo, o que dará máis vida ás distintas misións e animará a xogar con amigos.
E definitiva, que promoción aparte, o Perfect Dark Zero podería converterse no xogo imprescindible para os primeiros meses de vida da consola Xbox 360.

Innovación porá en marcha un centro tecnolóxico Lugo ó servizo das empresas
Abrille a porta ás pequenas e medianas empresas da Sociedade da Información. Este é un dos obxectivos fundamentais do Centro de Demostración Tecnolóxica de Lugo que vai ser posto en marcha pola Consellería de Innovación, Caixa Galicia e a Fundación CEL. Este proxecto, que foi dado a coñecer na sede desta última entidade lucense, contará cun achegamento da Consellería de 242.715 euros.
Segundo fixo saber Innovación, o Centro “desenvolverá un programa de formación mediante series continuadas de citas individuais e sesións de demostración de afluencia masiva e prestará apoio permanente na adaptación das novas tecnoloxías”. Asemade, porá en marcha unha web de divulgación tecnolóxica e rexistros das empresas demostradoras, das atendedoras de cursos e dos usuarios do centro.

R subministrará servizos de telefonía á administración local de Pontevedra
O Goberno local de Pontevedra aposta pola tecnoloxía galega de R. Foron o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e máis Arturo Dopico, director xeral de R, os que deron a coñecer a nova, hai uns días, durante a sinatura contrato que lle adxudica á operadora galega a xestión de tódolos servizos de telefonía fixa en tódalas oficinas e edificios municipais de Pontevedra. Deste xeito, informa R, “o concello disporá dunha rede de comunicacións fixas de última xeración que mellora a calidade, as prestacións e a rendibilidade dos servizos de comunicacións existentes na administración local”.
Segundo se fixo saber na sinatura deste acordo, o Goberno de Pontevedra poderá aforrar importantes custes de facturación e incrementar a seguridade na rede. A tecnoloxía da operadora galega chegará a unhas vinte dependencias municipais que contan con máis de 200 terminais telefónicos.

A galega Emetel, encargada de mellorar os servizos do Concello de Lugo a través da tecnoloxía
As tecnoloxías da información chegan as administracións para melloraralas, tanto no interno como, tamén, no que se refire á vida cotiá dos cidadáns. É nesta liña onde se sitúa o Concello de Lugo, que é obxecto dunha innovadora iniciativa tecnolóxica da empresa galega Emetel. Esta iniciativa, chamada Sicom, vai oirentada a axilizar os servizos da administración local lucense a través dun sistema de cableado de voz e datos para os 480 terminais que alberga a súa sede.
O deseño ten a súa raizame en SICOM, ferramenta creada por Emetel “que ofrece ós concellos unha boa oportunidade para adaptarse con éxito á Sociedade da Información”, segundo indica a empresa galega. O proxecto en Lugo leva consigo un investimento de 80.000 euros, e capacitará ó concello para “o uso das últimas técnicas de comunicacións orientadas cara a confluencia de voz e vídeo dixitalizados xunto ós datos do computador”. Entre outras cousas, esta solución vaille permitir ó concello afastarse do vello concepto de organización tradicional dos concellos, alixeirando o tempo empregado en levar a cabo unha tramitación cos cidadáns.