Levantan as restricións a Xiaomi nos EE.UU.

mércores, 26 de maio do 2021 Marcus Fernández

Hai un par de semanas Xiaomi deu conta da ratificación por parte do Goberno dos EE.UU. do acatamento da sentenza xudicial contra a incorporación da compañía chinesa nunha listaxe negra do Departamento de Defensa dos EE.UU., considerándoa unha «empresa militar da China Comunista», e agora publican un anuncio para oficializar a situación, confirmando que se levantan formalmente todas as restricións impostas contra Xiaomi, o que basicamente afectaba ao feito de que os estadounidenses puidesen ter participacións na compañía chinesa (o que podería ter un serio impacto na súa cotización).
Dende Xiaomi insisten en que son unha empresa de produtos de consumo, que opera con independencia e que continuará a ofrecer produtos a prezos honestos para mellorar a vida da xente a través de tecnoloxía innovadora.
Cómpre lembrar que a diferenza entre Xiaomi e Huawei é moi importante, xa que o núcleo do negocio de Huawei non é a venda de móbiles, senón da tecnoloxía de telecomunicacións, de xeito que era o principal provedor de tecnoloxía 5G a nivel mundial e, de feito, o veto que se lle está a impor está a ser un importante atranco para a rápida popularización da 5G (tamén retrasada polo contexto sanitario).

PUBLICIDADE