Confírmase que Xiaomi sairá da listaxe negra do Departamento de Defensa dos EE.UU.

mércores, 12 de maio do 2021 Marcus Fernández

A primeiros de ano Xiaomi entrou nunha listaxe negra dos EE.UU. por considerar as autoridades norteamericanas que a compañía chinesa era unha «empresa militar da China Comunista», acusación rexeitada dende o primeiro momento por Xiaomi, que levou o asunto aos tribunais, conseguindo unha sentenza favorable rapidamente. Esta decisión preliminar vén de ser ratificada polo Goberno dos EE.UU., que retirou definitivamente o veto ao fabricante chinés.
O Departamento de Defensa dos EE.UU. acatou a decisión xudicial, e coméntase que están a negociar con Xiaomi as condicións do acordo que permítelles volver á normalidade, de xeito que as compañías estadounidenses non tería que desfacerse das súas participacións no accionariado de Xiaomi por mor da súa incorporación na listaxe negra de Defensa (pois esta listaxe negra non tería consecuencia no mercado de consumo).
A posición de Xiaomi fronte aos EE.UU. é moi diferente da de Huawei, pois Xiaomi basicamente vende produtos dirixidos ao consumidor, mentres que o forte de Huawei era o equipamento de telecomunicacións, sendo o principal fabricante de infraestruturas para a telefonía móbil 5G a nivel mundial até a aplicación do veto estadounidense, que afectou á súa cadea de subministros, facendo imposible manter a súa produción a todos os niveis, o que está a reducir o tamaño da empresa de xeito progresivo, incluso dentro de China.

PUBLICIDADE