Levan a iOS o xogo LEGO Batman: DC Super Heroes

xoves, 25 de abril do 2013 Marcus Fernández

LEGO Batman: DC Super Heroes estréase hoxe na App Store

A secuela do popular xogo LEGO Batman decidiu non conformarse con engadir un 2 ao seu título, en pasou a responder ao título de LEGO Batman: DC Super Heroes, pois aparte de ter a Robin acompañando a Batman, decidiron abrir a aventura a un amplo abano de personaxes do universo DC como Superman, Wonder Woman, Aquaman, Green Lantern, Flash... que axudarán ao Cabaleiro Escuro a botar abaixo os plans de Lex Luthor e Joker para destruír Gotham City co apoio de moitos outros malvados habituais dos comics (como Harley Queen, Poison Ivy ou o Pingüín). Esta historia protagonizada por superheroes convertidos en figuras de LEGO chegou ás consolas de videoxogos o pasado verán, pero hoxe rexurdiu como xogo móbil, estreándose na App Store como aplicación universal cun prezo de 4,49 euros.
Esta conversión do xogo adaptou o seu control para poder manexalo dun xeito clásico ou cun control táctil e os personaxes de LEGO conservan a dobraxe de voz (grande novidade deste xogo) e diversidade, cun total de 80 personaxes xogables. Non faltan os traxes especiais para dotar de habilidades aos heroes, trebellos coma o Batarang ou os superpoderes do Home de Aceiro, e pese a estarmos ante un título para unha plataforma móbil, os seus gráficos tampouco sufrirán unha degradación, pois estamos ante un título compatible coas pantallas Retina dos dispositivos móbiles de Apple. Do que si cómpre advertir é de que toda esta riqueza ten o seu reflexo non só no prezo do xogo (que é moi inferior á súa versión para consolas domésticas) senón tamén no espazo de disco que ocupa, pois estamos ante un título para o que teremos que reservar 1,33 Gb de espazo no noso dispositivo.

O xogo permítenos controlar un total de 80 personaxes


Trailer do novo xogo de LEGO para iOS

PUBLICIDADE