Layar leva a realidade aumentada ao papel

mércores, 6 de xuño do 2012 Marcus Fernández

As revistas poden enriquecer os seus contidos con Layar

A aplicación móbil de realidade aumentada máis popular do mercado é, sen lugar a dúbidas, Layar, que permite completar a nosa contorna con capas de información que se superpoñen ás imaxes que capta o noso móbil ou tablet, e que agora actualízase para interactuar non só con espazo xeoposicionado, senón tamén con documentos impresos, de xeito que podemos asociar páxinas de revistas, carteis ou folletos con ligazóns na Internet, vídeos en YouTube, aplicacións móbiles ou moitos outros contidos, con só definir tal interacción vía web dun xeito áxil e doado que, entre outras cousas, pode supor a fin dos códigos QR como ferramenta de marketing móbil, por estarmos ante unha solución que non altera o contido impreso (aínda que é preciso notificar ao usuario que vai atopar información a través de Layar para que se anime a explorar coa cámara do seu dispositivo móbil unha publicación ou unha imaxe calquera.
Layar Creator permite así definir vía web contidos interactivos que enriquezan documentos impresos dun xeito tan doado que non precisa de asistencia externa (como acontece normalmente cando unha compañía quere crear unha capa de Layar con información turística ou proxectos semellantes). Chega con cargar na web de Layar versións dixitais (en formato gráfico ou PDF) dos documentos impresos que desexemos facer interactivos, para logo definir as accións que queiramos engadirlle (reproducir un vídeo ou un ficheiro MP3, acceder a unha páxina web, compartir un contido en redes sociais, ver un vídeo de YouTube...) sen precisar da inserción de marcas ou códigos QR.
Dende Código Cero estamos a experimentar con estas posibilidades na nosa edición impresa, e o resultado resulta bastante satisfactorio, tanto pola súa simplicidade como polo seu potencial, que de seguro que vai mellorar en versións sucesivas, e aínda que estamos ante un servizo de balde, Layar pretende facelo Freemium, de xeito que os editores que non paguen terán publicidade nas súas campañas, tendo que pagar 15 euros por cada páxina que use esta tecnoloxía a partir do 1 de agosto.


Presentación en vídeo das novas posibilidades de Layar

PUBLICIDADE