Larry Ellison deixa o seu cargo principal en Oracle

xoves, 18 de setembro do 2014 Marcus Fernández

A industria tecnolóxica norteamericana está a vivir unha época de grandes cambios, coa marcha do primeiro plano de moitos dos pioneiros que sentaron os alicerces para a situación actual na que as TIC están presentes en practicamente todos os ámbitos das nosas vidas, e así, tras a marcha de Microsoft de Bill Gates e Steve Ballmer e o pasamento de Steve Jobs, temos agora que un amigo persoal deste último, Larry Ellison, abandona a dirección xeral da súa compañía, Oracle, cargo que pasará a mans de Safra Catz e Mark Hurd.
Aínda que Ellison conservará a dirección executiva e a dirección técnica da compañía, o seu abandono do cargo de máxima responsabilidade de Oracle está a describirse como “a fin dunha era”, e non é para menos, xa que era unha das poucas figuras que se mantiñan ao pé do canon dende que iniciara a súa compañía a finais dos anos 70, levando a Oracle a converterse na principal compañía do mundo especializada en bases de datos, e un dos piares da industria do software.

PUBLICIDADE