LINE estréase en Firefox OS grazas a Telefónica

martes, 4 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que polo momento WhatsApp é o grande ausente no sistema operativo móbil Firefox OS, unha aplicación chega para ocupar ese baleiro, LINE, que estréase no Firefox Marketplace grazas a un acordo entre a filial para Europa e América da LINE Corporation e Telefónica, co que os usuarios do operador telefónico terán a nova aplicación en exclusiva en países como Venezuela, Perú, Colombia, Uruguai, Brasil, México, España e outros mercados nos que tamén se comercializará a aplicación en breve.
LINE ten actualmente máis de 330 millóns de usuarios rexistrados en todo o mundo (pese a que o seu nivel de uso está moi lonxe de achegarse ao de WhatsApp), pero o feito de que sexa a primeira ferramenta popular deste tipo en estrearse na tenda de aplicacións para Firefox OS pode supor unha oportunidades para espallarse aínda máis en mercados emerxentes.
Telefónica incluirá a aplicación de LINE nos móbiles que se lancen a partir deste trimestre, incorporando tamén esta ferramenta en novas versións e actualizacións do sistema operativo móbil baseado en tecnoloxías web.

PUBLICIDADE