LG conseguiu vender 300 televisores de 84 polgadas en Corea do Sur

xoves, 17 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Nas feiras de electrónica de consumo están a amosar cada vez televisores de maior tamaño, cuns prezos prohibitivos que parecían postos só de xeito simbólico para presentar a tecnoloxía do futuro agardando a unha popularización do seu prezo, pero parece que non é así, e que algúns consumidores están dispostos a pagar por un televisor do que non poden tirar total proveito máis do que custaría un automóbil segundo confirma LG, que tería vendido uns 300 televisores de 84 polgadas a un prezo de 25 millóns de wons (preto de 18.000 euros) que puxera á venda o pasado verán.
Resulta difícil entender o motivo que leva a adquirir un televisor de ultra alta definición nun momento que carece de contidos que aproveiten a súa pantalla (con calidade de cine) aínda que o seu tamaño podería ter sido o factor decisivo para a súa compra, así como o feito de que permite empregar lentes 3D pasivos sen perda de calidade (en televisores de alta definición pérdese a metade da resolución porque as liñas en pantalla repártense entre os 2 ollos do espectador, o que con 4K suporía manter as 1.080 liñas verticais orixinais).

PUBLICIDADE