Kodi poderá controlarse por voz en Android TV

martes, 6 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a aplicación Kodi ten sona de empregarse para ver contidos audiovisuais sen pasar por caixa, estamos ante un completo xestor e reprodutor de contidos multimedia que cada vez ofrece máis posibilidades, e no caso de Android TV está a preparar unha interesante novidade que xa está presente na súa versión alpha alcumada Leia: o soporte de Google Assistant.
Isto quere dicir que a vindeira edición oficial estable de Kodi 18 integrará ao asistente de Google, de xeito que poderemos realizar buscas por voz nos contidos que xestionemos coa aplicación, facilitando así o seu consumo. Poderemos así dicir OK Google e logo dicirlle a Kodi o que queremos ver para que se reproduza automaticamente, e incluso aproveitarase o asistente de Google para realizar recomendacións de programas de televisión e películas da nosa colección.

PUBLICIDADE