José Ramón García (Blusens) recibe o Premio Nacional Xove Empresario

luns, 19 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Imaxe de El Correo Gallego

José Ramón García, presidente de Blusens, vén de gañar o Premio Nacional Xove Empresario que concede cada ano AJE Confederación, converténdose así a dita firma galega na primeira da nosa terra recoñecida co dito galardón. O premio, que xa vai pola décima edición e que ten o obxectivo de poñer de manifesto o labor de empresarios do estado español menores de 40 anos, foille entregado a José Ramón García este venres en Cidade Real, de mans do Príncipe de Asturias.
No acto de entrega de premios tamén fixo acto de presenza Paul Collado Serra, presidente de AJE Confederación, ademais de diversos representantes das empresas e institucións patrocinadoras: Repsol YPF, Grupo Santander, Xunta de Comunidades de Castela A Mancha, Concello de Cidade Real e Deputación Provincial de Cidade Real.
Cómpre lembrar que Blusens é unha empresa do eido tecnolóxico con sede principal en Santiago e especializada na distribución de reprodutores MP3 e de DVD. Neste intre, segundo datos achegados pola firma, esta está situada nun crecemento expoñencial de até o 300% anual. Recentemente, Código publicou unha reportaxe sobre a visita de José Ramón García ó Máster en Dirección de Comercio Exterior da Universidade de Santiago.

PUBLICIDADE