José Luis Orihuela falará do impacto de Twitter no xornalismo nun encontro organizado por La Voz

luns, 31 de outubro do 2011 Marcus Fernández

O vindeiro venres ás 11:00 horas o profesor da Universidade de Navarra e recoñecido experto en Twitter e novos medios, José Luis Orihuela, protagonizará un foro patrocinado polo Banco Sabadell no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre sito nas instalacións no polígono de Sabón (Arteixo) de La Voz de Galicia.
Orihuela explicará nun relatorio Por qué Twitter mellora o xornalismo, para presentar despois os seus dous últimos libros: Mundo Twitter e 80 claves sobre el futuro del periodismo. Ambas obras son auténticos referentes polo xeito que teñen de achegarse á revolución que están a supor as TIC na comunicación, e no caso de 80 claves sobre el futuro del periodismo cómpre destacar que estamos ante unha impresionante recompilación de colaboracións de expertos de todo o mundo (entre os que non falta a presenza galega, con comentarios de Enrique Dans, Nacho de la Fuente, Francesc Pumarola e Juan Varela) para completar as distintas reflexións que realiza Orihuela sobre a dixitalización do xornalismo, os novos xeitos de comunicar, os dispositivos de acceso á Rede, o impacto das redes sociais e moitos outros temas de interese para os profesionais do sector.

José Luis Orihuela publicou varios libros nos que deixa constancia da influencia das TIC na comunicación

PUBLICIDADE