Jorge Cebreiros, de novo á fronte da asociación Ineo
xoves, 23 de outubro do 2014
A asociación de empresas
TIC Ineo
vén de reelixir a Jorge Cebreiros como presidente da entidade. A
revalidación fíxose efectiva no transcurso da asemblea xeral
celebrada este mércores na sede da Confederación de Empresarios de
Pontevedra. Na xuntanza designáronse tamén (por vez primeira) dous
vicepresidentes, por unha banda Carlos Conde (empresa Insa) para as
áreas de software e servizos, e pola outra Javier Taibo (de EGATEL),
para o ámbito das redes e as telecomunicacións. Segundo fai saber
Ineo, a entrada destas dúas empresas “afianza a aposta da
asociación por integrar compañías consolidadas e destacadas nas
súas respectivas áreas, co fin de que ostenten a representatividade
de Ineo nos órganos consultivos de referencia das ditas áreas”.
Informar tamén de que na asemblea elixiuse a Carlos Abal, de
Opensoft, como secretario tesoureiro. Ineo procedeu tamén a renovar
os seus vogais.
Respecto da xunta
directiva, sinalar que á incorporación de EGATEL e á renovación
de InfoJC, súmanse as empresas Coremain e Din. Segundo fai saber
Ineo, a entrada destas dúas novas compañías, referencia no sector
TIC galego, “supón un gran reforzo empresarial pola súa dimensión
e elevada solvencia e pola súa contribución á diversificación de
áreas; igualmente pon de manifesto a aposta das empresas galegas por
Ineo como órgano de representación empresarial
tecnolóxico-dixital”. A nova xunta directiva, ficaría polo tanto
integrada polas seguintes compañías: Activo Worldfund Company (Juan
Carlos Pérez Suárez); Coremain (Luis Álvarez Sestelo); Crossnet
Ingeniería y Sistemas (Carlos Díaz Méndez), Din (Víctor Vázquez
Tomé), EGATEL (Javier Taibo Gallego), Estudios Mega (Giovanni
Giardina Fernández), InfoJC (Jorge Antonio Cebreiros Arce), Insa
(Carlos Conde Gil), Opensoft (Carlos Javier Abal Valverde) e Sivsa
Soluciones Informáticas (José Antonio Román Jiménez).