Iwata asegura que as vendas da Wii U "non son malas"

luns, 7 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A pasada campaña de Nadal parecía que Nintendo ía conseguir un grande éxito coa súa nova Wii U por ser a única nova consola doméstica no mercado e gozar de certa sona entre un público familiar, pero parece que a fortuna non sorriu á compañía xaponesa, e non resultaba difícil atopar existencias da Wii U en practicamente calquera establecemento comercial no que houbese videoxogos á venda, en contraste con outros grandes lanzamentos como o da primeira Wii, que practicamente voaba dos estantes das tendas durante o seu primeiro ano e medio á venda.
Satoru Iwata, máximo responsable de Nintendo, asegurou a Reuters que aínda que a nova consola non funcionase tan ben como a súa predecesora, “as vendas non son malas” e parecen manter o seu ritmo, e non sería de sorprender que tivesen que seguir unha estratexia semellante á da Nintendo 3DS, que conseguiu corrixir unha mala acollida inicial reducindo o seu prezo e reforzando de xeito notable o seu catálogo de xogos exclusivos.
Pese a que as vendas non foron espectaculares, produciuse unha situación un tanto rechamante, e é que as edicións máis completas da Wii U esgotáronse a grande velocidade, e as versións máis básicas eran as menos demandadas, dando e entender así que os usuarios que están a mercar a Wii U non son os usuarios ocasionais que proliferaba coa primeira Wii, e que moi posiblemente optaron este ano por deixar de lado a Wii U para optar polo produto de electrónica de moda na actualidade: o tablet.
Como claro exemplo de que a Wii U non está a funcionar realmente ben temos que no Reino Unido, principal mercado europeo do sector, a Wii U non logrou colocar ningún dos seus xogos exclusivos entre os 40 títulos máis vendidos durante as últimas 3 semanas, e o único xogo que conseguiu facer tal foi o Nintendo Land na 3ª semana de decembro, cando conseguiu un discreto posto 39. Teriamos así que a Wii U aínda non acadou relevancia comercial, e haberá que agardar meses para saber se consegue consolidarse, especialmente nun momento no que o futuro do sector é moi incerto, polos cambios que está a vivir o sector móbil e a posibilidade de que durante o presente ano cheguen 2 novas consolas domésticas da man de Microsoft e Sony.

PUBLICIDADE