Iron Fist incorpórase ao cadro de personaxes de Marvel Ultimate Alliance 2

venres, 3 de abril do 2009 Marcus Fernández

Iron Fist é unha interesante incorporación a Marvel Ultimate Alliance 2

Este ano chegará ás tendas o xogo Marvel Ultimate Alliance 2 para Nintendo DS, Xbox 360, PlayStation 3 e Wii, collendo o relevo dunha anterior entrega que xuntaba 140 personaxes de comics da Marvel (20 dos mesmos, seleccionables polo usuario), e prometendo tamén moita acción e diversidade, do que imos coñecendo cada vez máis detalles, coma o feito de que os personaxes con máis seguidores que estaban presentes no primeiro titulo repetirán experiencia, á vez que veremos a novos heroes coma Iron Fist (Puño de Ferro), que estaba bastante esquecido ata a chegada dunha etapa do personaxe debuxada polo español David Aja que lle valeu un certo rexurdir.
O novo xogo estará ambientado na macro-saga coñecida coma Civil War, no que os superheroes enfrontábanse uns a outros por mor dunha lei que os forzaba a rexistrarse (o que moitos vía coma unha violación dos seus dereitos). Os distintos bandos están liderados polo Capitán América e Iron Man, aínda que non faltarán nestas aventuras Nick Furia, Lobezno ou Spider-Man, que participarán en grandes batallas campais nas que poden participar ata 4 xogadores á vez en modo cooperativo (tanto en modo local como a través da Internet).
Este tipo de xogos non tiveron moito éxito no pasado, pero o feito de aproveitar un arco argumental de grande éxito podería axudar a cambiar a resposta do público, aínda que hai que recoñecer que o mero feito de estar apoiado por unha franquía de sona xa garante un bo resultado nas súas vendas.

O novo xogo está ambientado nos acontecementos da Civil War dos comics

Vídeo de presentación de Puño de Ferro no xogo

PUBLICIDADE