Investigadoras da UDC participan nun estudo sobre a toxicidade e as violencias machistas nas redes sociais

venres, 8 de marzo do 2024 Redacción

Un estudo levado a cabo o pasado ano no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo permitiu coñecer que o 58% do alumnado da UVigo experimentou situacións de acoso a través da rede social Instagram, que só o 17% denunciara. Esta situación de “normalización das violencias dixitais” levou aos responsables daquel traballo, a profesora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UDC Teresa Piñeiro Otero e o profesor da Facultade de Comunicación da Uvigo Luís Xabier Martínez Rolán, a continuar esta análise nun novo proxecto financiado por esta cátedra, promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Desta volta, explican, buscaron unha “aproximación cualitativa” a esta problemática, dirixida a “entender as realidades ocultas tras estas actitudes e percepcións”, a través duns grupos de discusión nos que participaron 44 estudantes de diferentes ámbitos, 33 delas mulleres.
Dirixido a “coñecer as experiencias e percepcións de toxicidade e violencia dixital”, este estudo permitiu constatar que os estereotipos de xénero “poden ter un impacto profundo na autopercepción e autorrepresentación” do estudantado, así como na forma en que este se comunica e se presenta nas redes sociais.
Coa participación da tamén investigadora da UDC Laura Castro e de Graciela Padilla, Almudena Barrientos e David Caldevilla, da Universidad Complutense de Madrid, o proxecto Toxicidade e violencias machistas nas redes sociais dá continuidade ao desenvolvido na anterior edición da cátedra, que tivo como punto de partida a realización de máis de 600 entrevistas a estudantes dos tres campus da UVigo. “Parecíanos que os datos precisaban de unha aproximación máis profunda para coñecer o por que detrás dalgunhas das respostas”, sinala Piñeiro Otero, e isto levou a promover catro grupos de discusión, “nos que o alumnado foi debullando as diferentes cuestións”. Neste punto, Martínez Rolán sinala que a análise destas conversas levou a observar “como se producen situacións de normalización, ou incluso de negación, desta violencia”, así como a “preocupante frecuencia” coa que as alumnas tiñan que enfrontar situacións de acoso ou violencia dixital.

PUBLICIDADE