Iniciador Galicia celebra o seu segundo aniversario

mércores, 20 de abril do 2011 Marcus Fernández

Tras 2 anos de andaina, superando os 25 eventos, 1.200 asistentes, 1.700 seguidores en Twitter, 350 seguidores en Facebook e 400 seguidores en LinkedIn, Iniciador Galicia vai celebrar o vindeiro 6 de maio en EXPOCoruña un especial evento baixo o lema de Work hard, party hard, no que van combinar 2 relatorios e 1 mesa redonda cunha festa á que agardan a asistencia dos moitos seareiros desta serie de encontros de emprendedores tecnolóxicos que estase a consolidar como un referente galego.
A xornada principiará ás 18:00 horas, cunha presentación do evento, ao que seguirán os relatorios de Diego Mariño, fundador da plataforma de cloud computing Abiquo e embarcado actualmente en Few Ducks (empresa de desenvolvemento de produtos SaaS como Ducksboard), e Miguel Silva, co fundador e vicepresidente de Blusens.
Despois terá lugar unha interesante mesa redonda sobre a Innovación desde Galicia, na que participarán un representante sorpresa de R, Antonio Muíños (Portomuiños) e Iago Soto (Quobis).
Para rematar, ás 21:15 horas está previsto que comece a festa que servirá para tecer relacións sociais entre os distintos participantes no que habitualmente se coñece como networking, e que é un dos principais valores deste tipo de eventos presenciais.

PUBLICIDADE