Informática El Corte Inglés e Interactive Intelligence impulsarán a vangarda dos contact center

luns, 17 de setembro do 2012 Redacción

Informática El Corte Inglés, compañía de forte presenza na nosa terra (onde ten asinado acordos con Sivsa e desenvolvido traballos para concellos como os de Teo, en 2009, e máis recentemente o de Ames) vén de anunciar que comercializará e despregará servizos de atención ao cliente pertencentes a Interactive Intelligence Group. Esta liña de actividade vai ser posíbel a través dun acordo asinado co propio grupo Interactive Intelligence, un acordo que, segundo informa a consultoría española, xunta dúas importantes capacidades: a de Informática El Corte Inglés (no eido da experiencia en tecnoloxías do provedor e de xestión para organizacións públicas e privadas) e a de Interactive Intelligence (en cuestión de solucións pioneiras en atención ao cliente).
Para El Corte Inglés, as solucións de contact center son hoxe en día “claves para a actividade comercial e de servizo de calquera empresa”. Dun tempo a esta parte, engade o grupo español, o medre na demanda de plataformas para a automatización dos servizos de atención ao cliente foi paralelo á transformación dixital dos negocios: “Non hai gran compañía que dubide xa da eficacia comercial e de marketing deste tipo de plataformas, con múltiples canles integradas (voz, e-mail, SMS, fax ou Internet), e con posibilidades de ofrecer unha visión de 360 graos dos clientes”.
A comercialización e despregue das solucións de Interactive Intelligence levarase a cabo dende o Centro Experto de BI/CRM de Informática El Corte Inglés, cuxo equipo profesional, informa a consultora, “vén de atravesar un intenso período de formación e mergullamento nas tecnoloxías do provedor, nos seus centros internacionais”. Os plans de negocio de ámbalas compañías no territorio estatal son, apuntan, “moi ambiciosos”, e xa están en fase de posta en produción varios proxectos conxuntos no ámbito privado.

PUBLICIDADE