Informática El Corte Inglés asina un acordo coa empresa galega Sivsa

venres, 16 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Informática El Corte Inglés vén de levar a cabo unha forte aposta polo sector da tecnoloxía galega, concretamente pola que pon en xogo no mercado a firma viguesa Sivsa, especializada na achega de servizos no ámbito das novas canles dixitais. O achegamento entre as empresas, dado a coñecer esta semana dende Vigo, inclúe un acordo de colaboración en toda regra e, en consecuencia, a posta en marcha conxunta de iniciativas tecnolóxicas no espazo xeográfico galego e, de xeito especial, dentro das súas entidades públicas (favorecendo a eAdministración). Máis polo miúdo, e segundo informaron Vicente Calzado (director de Negocio de Informática El Corte Inglés) e José Antonio Román (director xeral de Sivsa), o obxectivo deste convenio responde a unha política mutua e compartida de medre no mercado: Informática El Corte Inglés busca acadar a meirande presenza posible no tecido TIC galego, ao igual que Sivsa, que xa está presente en toda España, Brasil, Chile, Marrocos e Portugal.
Para o departamento tecnolóxico da dita compañía española, un acordo de colaboración como o establecido esta semana constitúe en boa medida o combustible do seu crecemento a nivel local. Con todo, e malia estar o convenio ben enfocado cara á realidade galega, trátase dunha proposta en común de alcance nacional e mesmo internacional, deixándose abertas as portas para o seu futuro desenvolvemento e a colaboración entre estas compañías tecnolóxicas en iniciativas fóra da nosa xeografía.
Froitos concretos
O acordo, que como dixemos achega un alicerce para o deseño compartido de proxectos, abrangue o emprego de recursos humanos e materiais de ambas organizacións, obxectivo xa materializado no esforzo en mancomún para levar a cabo o despregue do sistema de administración electrónica municipal SIXEM en varios organismo públicos locais da nosa terra.
Cómpre lembrar que SIXEM é o Sistema Integrado de Xestión Municipal, e que ten a finalidade de promover a presenza dos gobernos locais e deputacións na Rede, facilitando a achega de servizos en liña e velando polo dereito dos cidadáns e empresas a comunicarse dixitalmente cos seus entes públicos. Por certo que o deseño deste sistema (que inclúe módulos de rexistro, recursos para a tramitación electrónica, xestión de expedientes, arquivo, etc) é responsabilidade de Informática El Corte Inglés, empresa adxudicataria do proxecto.

PUBLICIDADE