Ineo presenta este xoves o seu catálogo de produtos e o seu novo plan estratéxico

mércores, 9 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A asociación empresarial Ineo, con sede en Vigo e centrada no sector das novas tecnoloxías da información, vén de habilitar na Rede (en PDF) o seu catálogo de produtos e servitor, unha escolma das achegas principais que fornece a entidade en materia de networking, información, asesoramento, ofertas de traballo, alianzas con outros sectores e outras entidades, etc. O catálogo, por certo, tamén é unha ferramenta de primeira orde para coñecer as liñas de actividade das empresas ás que dá acubillo a asociación. Amais deste catálogo, a plataforma tamén publicou un calendario de eventos (en PDF) no que se amosan tódalas actividades programadas pola asociación para este ano. As dúas achegas formarán parte da documentación dirixida aos socios na presentación do novo Plan Estratéxico de Ineo 2011-2014, este xoves 10 en Santiago.
Cómpre lembrar que a estratexia da asociación para os vindeiros catro anos será dada a coñecer no Hotel Os Abetos a partir das 16.30 horas. A maiores, farase entrega ás empresas integrantes de Ineo da Memoria de actividades de Ineo 2010 e do propio documento dixital do Plan Estratéxico 2011-2014.

PUBLICIDADE