Inaugúrase lucindo talento galego a 11ª edición do Carballo Interplay

xoves, 4 de abril do 2024 S. P.

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay abriu este xoves 4 de abril as portas da súa nova edición, a número 11. Fíxoo cunha xornada na que a creación galega dixital e audiovisual foi a protagonista. En concreto, arrincou cunha presentación a cargo das directoras do certame, Sonia Méndez e Andrea Villa, que destacaron o cambio de localización nesta nova entrega, “pois é a primeira vez que se celebra no Mercado Municipal, no corazón da vila bergantiñá”.
Na presentación participaron Jacobo Sutil, director de AGADIC; Natividade González, deputada da cultura da Deputación de A Coruña; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo e Evencio Ferrero, alcalde da vila. As institucións destacaron o papel do Carballo Interplay como “dinamizador da industria audiovisual e vontade de promoción da industria e os talentos dixitais de Galicia”. As directoras do festival dedicaron unha lembranza a El Hematocrítico, “amigo do festival e unha das voces máis queridas da Rede, que faleceu fai uns meses”.
No acto de apertura entregouse o galarón Dinoescolas, un programa dirixido a promover o talento audiovisual entre os estudantes. A continuación comezaron as actividades do festival, dedicadas esta mañá á creación de contido en galego na Rede.
En Petiscos no Derby, un formato de conversas presentado polo podcast Café Derby 21 -con Nico Carreira, Adrián Lede e Carme D Prol- participaron o cómico Pablo Meixe, a creadora de contido sobre medio ambiente Bloundiemuser, a creadora en Tik Tok Paula Jorge a actriz Lidia Veiga, que forma parte do podcast Exército Mekemeke. Durante a conversa, á que asistiron público de institutos e universidade, falaron das experiencias destes creadores de contido na Rede e a súa relación coa audiencia, o público ou sobre como é ter as redes sociais como traballo. Petiscos no Derby deu paso á Videoregueifa, un formato habitual no Interplay que nesta edición protagonizaron as creadoras de contido Sara Seco e Malva. Pola tarde o podcast Exército Mekemeke, finalista aos Premios Ondas a Mellor Podcast en Lingua Cooficial, realizou o seu primeiro programa en directo con público, que igual que o resto de actividades emitiuse por streaming.
A xornada da tarde destinouse ás series web. O equipo de A moza que abortou e o contou estreou o seu traballo, froito do premio á Mellor Produción de Contido Dixital en Galego. A obra dirixida por Eire Cid e Rosalía Quiroga conta a historia dunha moza que decide contar nun evento familiar a historia do seu aborto, despertando contradicións en debates entre a familia. A moza que abortou e o contou ten a particularidade de estar gravada nun formato vertical. Collendo a remuda desde equipo durante a tarde realizouse o pitching para optar ao premio a Mellor Produción de Contido Dixital en Galego, cunha contía de 3.000 euros para que fagan realidade o proxecto.
O Carballo Interplay dedicará parte da xornada do venres 5 de abril á Zona Pro, un espazo de reflexión e xuntanza no que voces relevantes do mundo dixital e audiovisual conversarán sobre temas de actualidade e tendencias nestes eidos. Falarase do éxito da rexouba e a nostalxia na Rede cos xornalistas Juan Sanguino, Raquel Piñeiro e Anxo F. Couceiro, do estado dos podcast e web series co investigador e director de Estación Podcast Nacho Gallego e co cineasta Joël Bassaget. O lanzamento de OTT nas televisións autonómicas CRTVG e EITB, de Euskadi será outro. Ademais, durante a tarde os asistentes poden participar nun obradoiro de creación dixital da man de Pol Mallafré, de Mockudrames. Os interesados en asistir poden inscribirse de balde no formulario dispoñíbel na páxina web do festival.
Na xornada da tarde proxectarase ás 19:00 o bloque de series Experiencias da vida, Unha viaxe ata a Francia en guerra de 1915, a historia dun home que descobre un almacén de droga e decide facer negocio ou un repaso en clave de comedia a todas as situacións que se poden dar despois de ter sexo. Neste bloque proxectaranse Les Chroniques de Gliwensbourg, BANANAS, En vida en extinción. Don Pancho, Poscoito e Restaurant in the town.
Ademais, o cómico Xavi Daura presentará por primeira vez en Galicia o show de stand up XD. Co-creador do dúo Venga Monjas, Daura traballou como guionista en proxectos como Da Suisa e Museo Coconut e actualmente forma parte do equipo de La Resistencia.
Esta xornada rematará coa clásica Sesión Golfa, ás 23:30 cunha selección que leva por nome Risas que dan vida. A imaxinación voa cun universo no que non existen cousas tan básicas como chanzos ou cartos, o público coñecerá Pulp Airlines, a compañía aérea máis excéntrica do aeroporto de Carballo e un repaso histórico no que hai máis improvisación que historia. As series deste bloque son Un mundo sin, Pulp Air, The struggle for existence, Historia Mal, Lowbudget e Content Farm.

Axenda

Viernes 5 de abril
8:00 - 19:00 | Taller aberto creación dixital con Pol Mallafré (Mokudrames) | MERCADO MUNICIPAL
19:00 - 20:30 | Series “Experiencias de vida” | MERCADO MUNICIPAL
22:00 - 23:30 | SHOW XD con Xavi Daura | MERCADO MUNICIPAL
23:30 - 00:30 | Series hora golfa “Risas que dan vida” | MERCADO MUNICIPAL

Sábado 6 de abril
11:30 - 12:30 h | PANEL - E se imprimimos internet? | MERCADO MUNICIPAL
12:30 - 14:00 h | PANEL - O dixital é político | MERCADO MUNICIPAL
17:00 - 18:00 h | PANEL - PANTUBE. Tell me more. | MERCADO MUNICIPAL
18:30 - 20:00 | MALDITO BOLLODRAMA live show | MERCADO MUNICIPAL
20:00 - 21:30 | Series “Destinos da vida” | MERCADO MUNICIPAL
21:30 - 22:30 | Rajando con… PENA Y PÁNICO | MERCADO MUNICIPAL
00:00 - 01:30 h | Karaoke con Esteban | American Dreams

Domingo 7 de abril
11:30 - 12:30 | Código fonte audiovisual “Las amigas productions” con Carolina Iglesias y Laura Márquez | MERCADO MUNICIPAL
12:30 - 13:30 | Entrega premios con Izquierdo Sisters | MERCADO MUNICIPAL
13:30 h | Sesión vermú con Marta Salicrú | aXamonería | Rúa Coruña, 17, 15102 Carballo, A Coruña

PUBLICIDADE