A mocidade de Bacharelato do Colexio Peleteiro mergúllase na IA da man do CITIC

mércores, 17 de abril do 2024 S. P.

Esta mañá o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato do Colexio Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela) asistían ao Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) para coñecer o labor que alí se leva a cabo así como os Avances e desafíos da Intelixencia Artificial (IA).
Se falamos do CITIC, cómpre dicir que estamos perante un centro de investigación creado para achegar coñecemento científico e as súas capacidades á sociedade, recoñecido pola excelencia no coñecemento xerado no eido TIC e de transferencia tecnolóxica á sociedade, tal e como explicaba o seu director, Manuel Penedo, ao alumnado asistente ao encontro desta mañá. Asemade, o director tamén falou das áreas de investigación desenvolvidas no centro, así como dos principais proxectos activos, as infraestruturas singulares e do compromiso do CITIC coa sociedade a través do impulso de diversas iniciativas pioneiras como o programa Talentos Inclusivos.
Tamén estivo presente a investigadora do CITIC, Verónica Bolón, encargada de impartir a conferencia Avances e desafíos da IA, na que falou ao alumnado sobre como a Intelixencia Artificial está a transformar a sociedade e tamén dos desafíos éticos e de responsabilidade aos que nos enfrontamos como a redución do impacto ambiental das aplicacións informáticas e o seu uso para atopar solucións sostíbeis. Verónica Bolón é, ademais, a coordinadora na Coruña do programa Inspira STEAM, que ten como obxectivo fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os estudantes, especialmente entre as nenas.
Para rematar, tivo lugar un pequeno coloquio, no que os alumnos e alumnas puideron expor as súas dúbidas á investigadora do CITIC e tamén unha entrevista por parte do club de prensa do Colexio Peleteiro.

PUBLICIDADE