Inaugurada en Compostela a Xornada Infancia e Internet

venres, 6 de xuño do 2008 Raquel Noya

A capital galega vén de acoller hoxe a apertura da xa anunciada xornada Infancia e Internet: prevención e detección de situacións de risco, que organiza a Secretaría Xeral do Benestar da Vicepresidencia para concienciar das responsabilidades que temos de cara á protección da nenez cando esta se enfronta aos novos medios de comunicación e, en especial, a Internet, onde os perigos para os máis cativos van en aumento e cada vez son máis difíciles de detectar.
A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, apostou hoxe, na presentación da xornada, pola colaboración entre as institucións, distintas entidades, medios de comunicación e familias para divulgar a utilización construtiva das novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) na infancia e na adolescencia.
É por isto que o obxectivo do foro é o de dar visibilidade ás problemáticas xeradas polo uso das novas tecnoloxías da información por parte de nenos e nenas e nel tratarase de establecer un debate que permita proxectar o traballo das fiscalías de menores cara o exterior, contribuíndo ao coñecemento desta realidade por parte dos profesionais vinculados á infancia e á adolescencia.
Lago lembrou aos asistentes que “dada a vulnerabilidade dos menores, o impacto das novas tecnoloxías aféctalles dun xeito especial e están máis expostos á súa influencia que outros colectivos”. Neste senso, o mal uso ou abuso destas tecnoloxías e, en especial, o libre acceso dos menores aos contidos de Internet supón un risco que debemos evitar entre todos, promovendo a responsabilidade dos pais e das nais, dos educadores e educadoras e dos propios menores.
A secretaria xeral tamén apuntou que un dos obxectivos de prevención a destacar, recollido no Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia 2007-2010, é propoñerlle un compromiso de colaboración aos medios de comunicación para divulgar a utilización construtiva das TIC entre os menores así como crear o Observatorio Galego da Infancia, unha ferramenta que permita analizar, avaliar e seguir as posibles situacións de risco para a infancia.

PUBLICIDADE