Importantes figuras do Software Libre impartiron o relatorio de peche de GUADEC 2012

luns, 30 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Federico Mena, Jonathan Blandford e Dave Mason participaron no relatorio de peche de GUADEC 2012

A edición XIII do Congreso Europea de Desenvolvedores e Usuarios de GNOME, GUADEC 2012, que xunta a preto de 300 desenvolvedores de Software Libre na Facultade de Informática da Coruña, pese a continuar as súas actividades ata o vindeiro mércores, celebrou o pasado domingo o seu relatorio de peche, concluíndo así os 4 días centrais do encontro. Nesta presentación final participaron relatores de grande peso a nivel internacional no mundo do código aberto como Federico Mena, fundador de GNOME; Jonathan Blandford (RedHat) e Dave Mason (Mozilla).
Nas xornadas que restan do evento desenvolveranse obradoiros, hackfests e grupos de traballo informais (Birds of a Feather).
Para a celebración deste encontro cóntase coa colaboración da Universidade da Coruña e a Xunta de Galicia, así como co patrocinio de empresas e entidades tecnolóxicas como Google, Red Hat, Canonical, Collabora, Igalia, Openshine e Open Invention Network, e o apoio da Linux Foundation, GNOME Hispano e GHANDALF.

PUBLICIDADE