Humble Bundle oferta varios xogos de SEGA para Android

mércores, 20 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Dende a iniciativa Humble Bundle parecen querer deixar claro que non descansan durante o verán e, de feito, parecen máis activos que nunca, e tras estrear onte unha magnífica selección de xogos para PC cargados con contidos adicionais, hoxe renovan o seu lote de xogos para Android con varios títulos de SEGA, dos que a metade poden conseguirse pagando o que se desexe, mentres que a selección completa pode conseguirse con pagar máis da media (3,8 dólares). O Humble SEGA Mobile Bundle contribuirá coas causas benéficas Child’s Play Charity, WaterAid e Unicef.
Os xogos básicos deste lote son Sonic 4 Episode I (valorado en 2,66 euros), ChuChu Rocket (valorado en 1,04 euros) e Virtua Tennis Challenge (valorado en 4,39 euros); mentres que os que paguen máis da media poderán descargar Sonic & SEGA All-Stars Racing (valorado en 3,55 euros), Sonic 4 Episode II (valorado en 2,66 euros), Crazy Taxi (valorado en 4,49 euros) e algún xogo máis que se engadirá nunha semana. Temos así unha selección de xogos para Android valorada en 18,79 euros que pode conseguirse por uns 2,87 euros, o que agradecerán os seareiros dos xogos de SEGA.


Vídeo promocional do novo lote de xogos de SEGA para Android

PUBLICIDADE