Hulka e Zero súmanse ao Marvel vs Capcom 3

luns, 15 de novembro do 2010 Marcus Fernández

O xogo Marvel vs Capcom 3 continúa a debullar a súa relación de personaxes de cara ao seu lanzamento na primavera de 2011 en versións para Xbox 360 e PlayStation 3, no que promete ser un dos mellores títulos de loita dos últimos anos, tanto polas súas mecánicas de xogo como pola diversidade dos seus loitadores.
Para continuar a dar que falar antes da finalización do xogo, dan a coñecer a 2 novos loitadores: por unha banda teremos a Hulka, a curmá de Hulk e membro ocasional dos Catro Fantásticos; mentres que no bando de Capcom chega Zero (Maverick Hunter), personaxes de Mega Man.
Para facerse unha idea de cómo son estes personaxes en acción podemos ver cómo sería Hulka en combate:


Zero tampouco é manco:


Pero Marvel vs Capcom 3: Fate of Two Worlds non é o único xogo con personaxes Marvel do que temos detalles hoxe, senón que os creadores de Pinball FX e Zen Pinball anuncian Marvel Pinball, un xogo que replica o funcionamento dunha máquina de petacos deseñada con personaxes da Marvel repartidos en 4 mesas centradas en Spider-Man, Iron Man, Lobezno e Blade respectivamente.
Este novo título de Zen Studios terá versións para Xbox 360 e PlayStation 3 o mes que vén, sendo a versión de PS3 un xogo completo, mentres que a de Xbox 360 chegará coma contido para Pinball FX 2, que pode mercarse no Bazar de Xbox LIVE Arcade.

Lobezno terá unha mesa de seu en Marvel Pinball
Entre os traxes alternativos de Hulka en Marvel vs Capcom 3 está o que lucía cando formou parte dos 4 Fantásticos
Hulka é unha interesante incorporación a Marvel vs Capcom 3

PUBLICIDADE