Hugo Barra deixa Xiaomi e volve a Silicon Valley

luns, 23 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

No verán de 2013 producíase un anuncio bastante rechamante: o vicepresidente de Android, Hugo Barra, fichaba pola compañía chinesa Xiaomi. Deste xeito entendíase que Xiaomi ía emprender un espallamento internacional moi importante, para converterse nunha marca global, algo que vai moito máis lento do que moitos consumidores desexarían, xa que parece limitarse a mercados emerxentes como o da India ou o Brasil. Pero a aventura de Barra chega á súa fin tras tres anos e medio, e o que fora unha das caras visibles de Android despídese de Xiaomi nunha carta aberta publicada en Facebook.
Hugo Barra entende que axudou a que Xiaomi se consolidase como unha empresa global (sentíndose especialmente orgullos da expansión da compañía na India), pero recoñece que en China está moi afastado dos seus e o contorno incluso estaba a afectar á súa saúde, polo que decidiu volver a Silicon Valley, para estar máis preto da súa familia e amigos.
Resulta difícil ponderar o paso de Barra por Xiaomi, xa que a emerxencia de compañías chinesas a un mercado global coa velocidade actual non ten precedentes, e as elevadas expectativas poden facer perder a perspectiva do volume de operacións que están a ter estas empresas que sen chegar a estar ao nivel doutros xigantes asiáticos, si conseguen consolidar unha marca, o que é realmente complicado entre os milleiros de competidores que hai no seu sector.

PUBLICIDADE