Hospital Tycoon: coma nunha serie de televisión

xoves, 12 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Os hospitais semellan estar máis de moda ca nunca como escenarios de argumentos de ficción, e o universo dos videoxogos é en certa medida responsable desa (se cadra máis ca nunca necesaria) desdramatización do ambiente sanitario. En breve, teremos un novo exemplo diso. Chámase Hospital Tycoon e estará en xuño dispoñible para PC. O xogo presenta un espazo físico ben concreto, o do Instituto Médico Sapphire Beach. Neste escenario seremos testemuñas dunha serie de situacións que semellan tiradas de certos argumentos telenovelescos: enfermeiros namorados, traballadores acabados de chegar que queren inxectar paixón nos seus compañeiros, etc. Algo así como Vacaciones en el Mar pero en versión hospitalaria.
Para os que xa non poidan coa curiosidade sobre este produto, dicirlles que xa está dispoñible un vídeo publicitario en YouTube. O videoxogo mestura a feitura da serie Tycoon con certas innovacións no control (completo) dos personaxes (todos e cada un). O seu desenvolvemento, grazas ó modo Historia, é semellante ó dunha serie de TV, con episodios que van presentando accións diferenciadas. O xogador é testemuña destas e outras historias e, ademais, participa en todo tipo de probas: dende atopar a cura para unha doenza até adestrar ós empregados do centro para perfeccionar as súas habilidades.

PUBLICIDADE