Hobbycon abre as súas portas na Coruña

xoves, 26 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Esta mañá abriu as portas o salón multidisciplinar Hobbycon, que até o domingo encherá o PALEXCO da Coruña de actividades de lecer alternativo, que van dende os xogos de mesa, a banda deseñada, o cosplay e o k-pop, até os videoxogos, xogando cada ano un rol máis destacado este último ámbito, que non limita a súa presenza a torneos e postos de xogo libre, senón que tamén conta con presenza do sector do desenvolvemento, representado este ano especialmente polo colectivo MOLAB.
Aparte de obradoiros, relatorios, tendas e zonas de xogo, tamén teñen lugar torneos, comezando esta mesma tarde, ás 16:00 horas, cun torneo de ARMS para Nintendo Switch, ao que seguirá un torneo de BlazBlue: Central Fiction para PS4 ás 17:00 horas e un torneo de Naruto Shippūden: Ultimate Ninja Storm 4 para PlayStation 4 ás 18:00 horas.
Na xornada do venres os torneos que a celebrar serán os de Rocket League para PC (en grupos de 2 contra 2) ás 13:00 horas, de Hearthstone ás 14:00 horas, de Mario Kart 8 para Wii U ás 17:00 horas e de Dragon Ball FighterZ ás 18:00 horas, non sendo as únicas actividades ao redor do mundo dos videoxogos tal día, xa que ás 18:00 horas tamén terá lugar un relatorio de introdución ao desenvolvemento de videoxogos.
O sábado 28 terán lugar os torneos de League of Legends (5 contra 5) ás 13:00 horas, de Super Smash Bros para Wii U (individual) ás 16:00 horas, de FIFA 18 para PlayStation 4 ás 17:00 e de Clash Royale ás 18:00 horas.
Para despedir o evento, o domingo 29 celebraranse os torneos de Counter Strike: Global Offensive ás 13:00 horas, de Tekken 7 ás 16:00 horas, de Super Smash Bros. para Wii U (por parellas) ás 17:00 horas e de Street Fighter V ás 18:00 horas.

Os xogos de loita son imprescindibles nos torneos deste tipo de eventos
As consolas clásicas tamén teñen o seu espazo na Hobbycon
Entre as actividades desenvolvidas até o domingo non faltan os xogos de baile

PUBLICIDADE