Hideo Kojima deixa Konami tras tres décadas

luns, 19 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O lanzamento de Metal Gear Solid V: The Phantom Menace estivo rodeado de polémica, por mor dos enfrontamentos entre o director do xogo, Hideo Kojima, e a súa compañía, Konami, que leva meses mudando a súa estratexia de negocio para abandonar os videoxogos tradicionais e centrarse nos xogos para dispositivos móbiles, de aí que fose inevitable a información que adianta hoxe The New Yorker, publicación que asegura que o pasado 9 de outubro Hideo Kojima deixou de traballar para Konami, compañía na que levaba dende 1986, e da que di así adeus, podendo comezar a traballar para outra empresa do sector a partires do mes de decembro, polo que non sería de sorprender que abrise o seu propio estudio para que este auténtico referente do sector poida continuar a satisfacer as ansias dos seus seareiros de todo o mundo.
Nos últimos anos o nome de Hideo Kojima ía ligado ás grandes superproducións de Konami e, moi especialmente, a franquía de Metal Gear, pero a compañía nipoa non parecía querer continuar a desenvolver ese tipo de xogos, que supoñen un investimento xigantesco e un grande risco. A relación entre a compañía e Kojima tampouco foi doada durante o desenvolvemento do seu último xogo, xa que fálase de que superou os 80 millóns de dólares en desenvolvemento, xa que Kojima quería conseguir un nivel de calidade demasiado elevado, e aínda que o resultado final estea a satisfacer a crítica e público, dende Konami levan anos vendo como producir xogos para móbiles supoñen un retorno do investimento moi superior (e dado que o seu orzamento é reducido, non supoñen un grande risco).
O que queda claro agora é que coa marcha de Hideo Kojima podemos dicir adeus á saga de Metal Gear Solid, posiblemente para sempre, non só porque sexa unha obra moi ligada á figura do seu creador, senón polo desinterese de Konami, que probablemente explote a marca Metal Gear a través de xogos derivados do estilo de Metal Gear Acid (RPG táctico de naipes) ou Metal Gear Rising (hack and slash), que no seu día xa non contaran coa dirección de Kojima.

PUBLICIDADE