Hello Kitty terá este ano un xogo en liña

xoves, 14 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Sanrio Digital anunciou que comezou as probas do xogo de rol masivo multixogador Hello Kitty Online, que levará o mundo de fantasía da empresa ó ordenador, dando vida a un contorno máxico que acollerá a milleiros de xogadores para vivir, explorar e conquistar tanto lugares inspirados na realidade (París, Moscova, Tokío...) coma totalmente imaxinarios (coma Flower Kingdom).
O xogo MMORPG comeza agora a súa beta privada, para lanzarse a súa versión definitiva na segunda metade do ano. O título está orientado a nenas e mozas, e integrarase no portal SanrioTown.com, que achega blogs, e-mail, vídeos, produtos de Hello Kitty e outras funcións que contribúen a crear unha experiencia dixital e social en calquera momento.
Hello Kitty Online será de balde na súa descarga e xogo, pero poderán adquirirse actualizacións para os personaxes do mesmo, nun modelo de negocio que pode lembrar a Second Life.
Pero aparte do mundo persistente, o produto será un xogo, incluíndo sistemas de enfrontamentos (que non serán o obxectivo principal do xogo), puzzles, mini-xogos, arcos argumentais e aventuras que farán que as usuarias gocen da experiencia de xogo.

PUBLICIDADE