Harmonix podería estar a traballar nun Rock Band para PS4 e Xbox One

xoves, 19 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Nas dúas anteriores xeracións de consolas de videoxogos os títulos musicais como Guitar Hero e Rock Band convertéronse en todo un fenómeno que chegou a tal saturación que provocou unha fragmentación de vendas tan grande que fixo insustentable a produción de novas entregas das franquías máis importantes, para desgraza dos seus millóns de seareiros en todo o mundo, que posiblemente agora estean ilusionados ante os rumores de que Harmonix Music System estaría a traballar nunha nova entrega de Rock Band que chegaría para PlayStation 4 e Xbox One.
As tendas de videoxogos non ven un xogo desta franquía dende o lanzamento de Rock Band 3 en 2010, ao que seguiu unha época escura na que este tipo de xogos e os seus accesorios desapareceron do mercado tras varios anos de vendas millonarias. Os xogos de baile ocuparon o seu sitio, e a marca Rock Band intentou refuxiarse nos dispositivos móbiles con pouco éxito, sendo a última entrega da franquía o Rock Band Blitz de 2012.
Polo momento Harmonix non confirma nada, pero recoñecen que detectaron demando do público deste tipo de xogos que quedou marxinado do mercado dun xeito un tanto inxusto, de aí que non sorprenda que aseguren desexar “volver á franquía cando sexa o momento oportuno”.

PUBLICIDADE