Happy Móvil inclúe 300 Mbytes de datos nunha das súas tarifas económicas

venres, 18 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Nun momento no que os Operadores Móbiles Virtuais (OMV) non cesan de captar clientes dos operadores móbiles tradicionais sorprende a agresividade que chegan a ter algunhas das súas tarifas, como a Tarifa FELIZ que vén de presentar Happy Móvil (OMV de The Phone House que funciona coa rede de Orange) e que cun consumo mínimo mensual de 4,9 euros/mes + IVE ofrece chamadas a 4 céntimos por minuto (cun establecemento de chamada de 15 céntimos) e un bono de datos de 300 Mbytes/mes de balde (o tráfico superado cobrarase a 3 céntimos o Mbyte).
Temos así un dos contratos de telefónica móbil máis económicos do mercado, que carece de cotas, horarios e permanencia, polo que é ideal para usuarios que realizan poucas chamadas e que, ademais, queiran ter a opción de conectarse á Rede dende o seu smartphone.
Happy Móvil tamén conta con tarifas como Habla 6 (con chamadas a 6 céntimos/minuto sen cotas nin permanencia), Habla mini 9 (con chamadas a 9 céntimos/minuto incluíndo 80 minutos/mes a España, Reino Unido, Alemaña e Francia) e 4 tarifas Smartplan que combinan voz e datos a un prezo de entre 4,5 e 19 euros/mes segundo o volume de voz e datos incluídos no contrato.

PUBLICIDADE