Handyhand obtén novo recoñecemento nos LPRO Days da Universidade de Vigo

luns, 2 de maio do 2016 Redacción

O equipo de Handyhand no evento organizado no Campus de Vigo

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación serviu de escenario, o pasado venres, para a segunda edición do LPRO Days, un evento no que se amosan as investigacións feitas polos estudantes do último curso ao abeiro da materia Laboratorio de proxectos, coordinada polo catedrático Carlos Mosquera. Houbo presentacións e demostracións prácticas dos proxectos desenvolvidas. En total participaron 106 alumnas e alumnos tutelados por 20 docentes. O resultado dos seus traballos foi unha vintena de proxectos. Por certo que algúns deles xa obtiveron recoñecementos en certames como Hack4Good de Telefónica, por exemplo Handyhand, que obtivo premio no concurso da dita operadora e máis nos LPRO Days da Universidade de Vigo. Handyhand, como lembraremos, é unha aplicación de impresión en 3D dunha réplica protésica.
Por certo que entre os 19 traballos presentados había tamén outras propostas innovadoras moi destacábeis, como Cyclope, un sistema alarma que tamén resultou distinguida nos Hack4Good e que serve entre outras cousas para avisar de colisións por alcance no caso de vehículos vulnerábeis como bicicletas ou cadeiras rodas. O evento, “tras toda unha mañá de presentacións” saldouse coa elección de tres propostas gañadores, que nesta ocasión foron ALMS, HandyHand e NetAlt, que recibiron por parte do Centro Tecnolóxico Gradiant unha achega económica para continuar desenvolvendo o seu proxecto innovador.
Segundo informa a Universidade de Vigo, a maioría das propostas do alumnado tiveron como punto de encontro a calidade de vida, apostaron “por aplicar as tecnoloxías e as telecomunicacións á vida diaria, a facilitar tarefas e optimizar recursos”. Así, varios grupos centráronse no eido da saúde e a seguridade, como Mycarebox (unha caixa de emerxencias sanitarias que mellora a xestión dos medicamentos no fogar), Satea (un sistema de asistencia a persoas con Trastornos do Espectro Autista), Bloodstrapp (unha pulseira para facer seguimento do pulso cardíaco), Handyhand (unha prótese robótica de man), Bumper (un sistema para localización de fochancas) e Cyclope (un detector de perigo de colisión por alcance para ciclistas).
Por outra banda, o fogar e a enerxía constituíron outro dos ámbitos “estrela”, con propostas como Nearfield, que mide a radiación de circuítos electrónicos; Netalt, un dispositivos para medir a calidade do subministro eléctrico; Selfsec, un sistema de videovixilancia remota; Ecocity, un multisensor de baixo custe para o seguimento da calidade do aire ou Cacho, sistema para o control de acceso ás habitacións de hoteis.
Sinalar tamén que a tecnoloxía móbil e a telefonía acapararon igualmente o interese do alumando e presentaron varias iniciativas centradas neste eido, como MasApp, un sistema dirixíbel para captar audio dende Android; Smart4Old, unha interface gráfica para facilitar o uso do teléfono móbil; BOB, que permite xestionar o móbil por voz dende calquera lugar da casa e ALMS, un sistema de posicionamento en interiores con móbil, que resultou o proxecto gañador.
Nos procesos produtivos centráronse os impulsores de Androgest, unha aplicación para o seguimento en tempo real do proceso intermedio de produción da industria conserveira, mentres que outros dous equipos optaron pola música, un con Hurdytech, un sistema para automatizar a configuración de zanfonas, e outro como Simsau, que permite recrear o son de salas de concerto. Finalmente, a comunicación foi o eido de traballo para os estudantes que están detrás de DPD, unha plataforma para a creación dun diario dixital.

PUBLICIDADE