HP sorprende ofrecendo equipos con Windows 7 dende a súa páxina web

luns, 20 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O cambio a Windows 8 pode resultar traumático para moitos usuarios, o que en boa medida corrixiu Windows 8.1, pero conscientes das reticencias dos consumidores menos proclives aos cambios (pese a seren para mellor) dende HP fixeron unha polémica xogada a pasada fin de semana, destacando na súa páxina web que están a ofrecer unha serie de ordenadores que veñen con Windows 7 preinstalado “a petición popular” e ofrecendo un desconto de 150 euros nestes equipos (dando a impresión de que realmente trátase dunha liquidación de vellos equipos).
Cómpre destacar que Microsoft descatalogou Windows 7 como software independente o pasado 30 de outubro, aínda que aínda non puxo data límite para que os fabricantes poidan integrar o vello sistema operativo nos seus equipos.
Resulta rechamante que HP ataque desde xeito a Windows 8/8.1 cando é un software moi solvente, pois a última vez que vimos algo semellante foi con Windows Vista, sistema operativo do que fuxían os consumidores, como tamén acontecera con Windows Millennium, casos nos que o rexeitamento do público tiña xustificación (na actualidade, adquirir un sistema operativo anterior só estaría xustificado no caso de empresas, nas que resulta complicado estar á última en software por ter que homoxeneizar grandes flotas de equipos).

A páxina web de HP nos EE.UU. destaca os equipos con Windows 7 dende a pasada fin de semana

PUBLICIDADE