HP incorpora a tecnoloxía Google Cloud Print en varias impresoras

xoves, 31 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Google Cloud Print, a tecnoloxía que pretende facilitar a impresión dende practicamente calquera dispositivo conectado á Rede que xa está dispoñible dende móbiles con Android en combinación con ordenadores que teñan instalado o navegador Chrome, chega agora ás impresoras de HP, de xeito que os usuarios destes dispositivos poderán agora imprimir directamente dende Chrome, Gmail ou Google Docs (aínda que no futuro haberá máis aplicacións compatibles con esta tecnoloxía).
As primeiras impresoras en adaptarse a Google Cloud Print defínense como HP ePrint e facilitan a impresión dende aplicacións de escritorio, páxinas web e móbiles, eliminando a necesidade de instalar controladores ou ter a impresora conectada a un PC.
Polo momento HP ten impresoras compatibles con HP ePrint das familias PhotoSmart, Envy, LaserJet Pro e OfficeJet, de xeito que cada usuario pode atopar unha impresora axeitada para o seu perfil de uso.

PUBLICIDADE