HERE Maps integra a tecnoloxía de realidade aumentada de Nokia

martes, 21 de maio do 2013 Marcus Fernández

A aplicación de HERE Maps actualízase para incorporar LiveSight, unha tecnoloxía anunciada xa na presentación de HERE o ano pasado, e que suporía a aplicación da realidade aumentada aos mapas de Nokia cunha precisión que nalgunhas cidades supera a todo o que vimos antes por proxectar a capa gráfica sobre a realidade partindo dun modelo tridimensional da rúa pola que nos estamos a mover. Deste xeito, os carteis virtuais que insire o móbil na imaxe que vemos na súa pantalla aparecerían pendurados das fachadas dos edificios, á vez que representan dun xeito máis fiel a súa distancia, conseguindo unha sensación de inmersión que facilita a aceptación desta tecnoloxía que resístese a chegar ao público xeral pese a levar anos intentando popularizarse.
Deste xeito, para ver os locais ao noso redor mediante a realidade aumentada xa non temos que recorrer a unha aplicación como Nokia Vista Urbana, senón que podemos facelo directamente dende HERE Maps, que non é a única aplicación en facer uso de LiveSight, pois a última actualización de Foursquare para Windows Phone 8 tamén permite utilizar esta tecnoloxía para localizar lugares mediante realidade aumentada, o que claramente non é unha casualidade, senón que estamos nun exemplo do que viña anunciado Nokia nos últimos tempos: a súa aposta pola tecnoloxía cartográfica é estratéxica e non se limita ao navegador GPS dos seus móbiles.

PUBLICIDADE