Orixinal concurso de fotografía para os seareiros de Guitar Hero

venres, 26 de xuño do 2009 Raquel Noya

Coincidindo co lanzamento da terceira entrega de Guitar Hero para Nintendo DS, que saíu hoxe mesmo á venda, a súa firma distribuidora, Activision, vén de convocar un orixinal concurso no que, a pesar de ter que ver con videoxogos, o gañador pode non ter nin idea de xogar a eles ou sequera ter visto antes unha consola por diante (cousa difícil que pase hoxe en día); tan só deberá ser fotoxénico ou orixinal á hora de fotografar un motivo concreto: unha escea de alguén tocando Guitar Hero on Tour coa súa Nintendo DS.
As persoas participantes deberán colgar unha foto na web oficial do videoxogo para que poida ser sometida á votación dos usuarios, que valorarán a súa favorita de entre as máis divertidas e orixinais.
O premio, como era de agardar, consiste unha consola Nintendo DS con un Guitar Hero on Tour Modern Hits asinado pola banda Pereza, que agora que estamos en tempada de comuñóns venlle moi ben a calquera que teña sobriños, primos ou amigos en idade de pedir todo canto ven.
O Guitar Hero On Tour: Modern Hits, a terceira entrega de Guitar Hero para Nintendo DS, sae ao mercado repleto de novidades de xogabilidade, onde o importante, segundo afirman os seus responsables, “non é a música, senón que o xogador gañe protagonismo á hora de decidir como quere avanzar na súa carreira musical”.
Grazas ás peticións dos fans, que se van desbloqueando e que presentan multitude de retos, o xogador poderá escoller que cancións quere tocar e que desafíos quere afrontar. Cada vez que se supera unha canción, esta misma desbloquearase como unha petición para xogar á guitarra, ao baixo ou como duelo; neste último caso, o fan pídelle ao xogador que supere certa dificultade, como tocar máis de 100 notas seguidas ou empregar máis de oito ataques no modo duelo, que deberá superar para poder acceder a novos contidos e tocar en escenarios máis importantes.
O listado definitivo de cancións de Guitar Hero On Tour: Modern Hits está composto por 28 temas pop-rock dos últimos cinco anos e de algunhas das bandas máis exitosas do momento como Coldplay, Fall Out Boy, Avril Lavigne, Franz Ferdinand, Kaiser Chiefs ou Kinas of Leon.

PUBLICIDADE