Greenpeace sitúa a IBM como a menos negativa das majors tecnolóxicas na loita contra o cambio climático

venres, 29 de maio do 2009 Redacción

A organización Greenpeace vén de situar ao máximo responsable de IBM, Samuel Palmisano, no número un da listaxe de empresas do eido tecnolóxico que de mellor ou menor maneira están a afrontar a loita e compromiso contra un dos grandes dramas do noso tempo: o cambio climático. Dito doutro xeito: non estaríamos a falar do ranking dos mellores en coidado da natureza dende o empresariado dixital, senón, por así dicilo, do ranking dos menos malos. O CEO de IBM, que aparece a moi pouca distancia de Jonathan Schwartz, xefe da firma Sun e segundo clasificado no dito ranking realizado por Greenpeace, foi recoñecido con 29 puntos, nada do outro mundo, polas súas medidas concretas contra o efecto invernadoiro, medidas das que xa temos falado nesta mesma web. Por exemplo: do mundo virtual desenvolvido pola propia empresa no camiño de concienciar á comunidade internauta da importancia de preservar o medio.
Con todo, un dos factores que máis inclinou a balanza ao favor de Palmisano a ollos de Greenpeace foi a posta en marcha de Smart Planet, iniciativa de IBM destinada a aplicar meirandes doses de rendibilidade e eficacia enerxética en canto produto tecnolóxico se desenvolva, sexa da man de IBM ou de calquera empresa, administración ou organismo.
Polo que respecta ao segundo posto da listaxe, o de Sun, veu dado principalmente polo compromiso do seu máximo responsable en materia de rendibilidade de enerxía, así como polas súas medidas para poñer en xogo servidores empresariais sostibles.
Máis abaixo, tal e como reflicte Vnunet, atopamos a Dell, Cisco, Intel ou Fujitsu, compañías que en maior ou menor medida tamén teñen sentado as bases de importantes programas de loita, dende os seus produtos e servizos, contra o cambio climático.

PUBLICIDADE