IBM presenta un mundo virtual que facilita coñecemento na loita contra o cambio climático

luns, 18 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

IBM vense de meter até os xeonllos en materia educativa. E está a facelo con certa ambición, mesturando o labor formativo propiamente dito co da loita a prol do medio ambiente e todo iso servido cunha boa presentación en clave de mundo virtual en 3D de acceso libre. Os destinatarios desta proposta chamada “PowerUp”? Pois serán os nenos e os adolescentes, e ten a súa lóxica que así sexa, tendo en conta que os maiores temos ben enraizados certos costumes negativos para o noso medio ós que semella que non hai xeito de erradicaren (por exemplo: coller o coche para ir ó traballo malia saber que chegaremos antes camiñando).
O caso é que a proposta de IBM ten feitura de xogo en rede e de mundo virtual en 3D, collendo un pouco de cada cousa, e o reto que lles achega ós rapaces e rapazas é o de tentar salvar o planeta (para o caso, chamado “Helios”) mentres reciben coñecementos de ciencias e matemáticas.
A iniciativa preséntase para xogar a título individual ou en grupos, e cómpre sinalar que teremos máis posibilidades de salvar ó devandito planeta canto máis expertos sexamos en materia de enerxías renovables. Neste punto, ir aprendendo que as lámpadas de baixo consumo estragan menos enerxía e que é sempre mellor poñer un xersei que poñer a caldeira ó máximo, pode significar ante todo unha boa preparación.
A previsión é que IBM dea a coñecer oficialmente o seu mundo virtual no transcurso do Engineers Week 2008 que xa deu comezo e que fica aberta até o 23 deste mes. Con todo, xa está accesible de xeito gratuíto na web habilitada para tal efecto.
Sinalar tamén que para o desenvolvemento deste proxecto convocouse a douscentos nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos, que asesoraron ós deseñadores de IBM de cara a presentar o xogo ó público. Asemade, tamén participaron o TryScience do New York Hall of Science, o Museo Tecnolóxico de San José (California) ou tamén o Museo Bakken de Minneapolis, achegando actividades e contidos.

PUBLICIDADE