Google+ xa permite iniciar quedadas de vídeo dende a súa aplicación para Android

xoves, 24 de maio do 2012 Marcus Fernández

Hai un par de semanas a aplicación de Google+ para iPhone actualizouse, amosando unha interface de uso totalmente renovada, aproveitando mellor a pantalla do móbil para a visualización de imaxes, e cumprindo co prometido agora fan o propio coa aplicación para Android, que xa está dispoñible a través de Google Play, e que destaca especialmente por permitir iniciar un hangout (videoconferencia en grupo) dende a propia aplicación (en vez de limitarse a unirse a quedadas creadas dende o PC).
Agora será posible iniciar un hangout dende calquera lugar, facilitando a conversa cara a cara cos nosos amigos e incluso permitindo repetir a invitación a un amigo se non respondeu a tempo á solicitude de incorporación a unha quedada.
Resulta igualmente destacable o espazo que ocupan agora os contidos en pantalla (que aproveitan as limitacións ao máximo a pantalla do móbil, fuxindo dos espazos en branco). Tamén permite descargar fotografías directamente de Google+ (e mesmo poñelas de fondo de escritorio), editar publicacións para facer correccións e navegar dentro da aplicación cunhas frechas que aparecen na interface de usuario da aplicación.

As videoconferencias en grupo seguen a ser un dos pratos fortes de Google+ nos móbiles

PUBLICIDADE