Google podería estar preparando un buscador de contidos para móbiles

mércores, 18 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O Wall Street Journal publica que Google está a desenvolver un novo servizo de busca orientado ós móbiles que serviría ós consumidores para atopar e mercar tons de chamada, xogos e outros contidos para os seus terminais.

Actualmente Google xa ten buscador para móbiles (que mesmo está preconfigurado no menú dalgúns teléfonos móbiles) e parecen querer tirar máis proveito do mesmo, empregándoo para achegar contidos específicos que tamén xeran un importante volume de negocio (dos que a compañía podería sacar tallada cobrando polo bo posicionamento dalgúns servizos de venda de contidos ou mediante ligazóns patrocinadas).
O desenvolvemento deste novo buscador parece complicado, polo que aínda non se coñece cando se fará público, e de entrar directamente Google no negocio (vendendo contidos) podería supor unha seria ameaza para as operadoras de telefonía móbil, que actualmente achegan importantes ingresos grazas ás descargas de tons e música.

PUBLICIDADE