Google+ camiña cara á súa desintegración

martes, 28 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Dende Google non parecen ter atinado á hora de consolidar plataformas sociais de éxito na liña de Facebook e Twitter, e tras sonoros fracasos como Google Wave e Google Buzz, estaría agora a recoñecerse o desastre de Google+, plataforma que incluso impóndose practicamente pola forza, non contou co favor do público, o que leva a Google a repensar a súa estratexia, polo que nos vindeiros meses realizarán cambios de importante calado, no que semella ser o peche do servizo ou, como mínimo, a súa transformación para desprenderse da aspiración de ser o adhesivo das moitas faces de Google.
Por unha banda dende Google aseguran que van continuar a desenvolver prestacións como as Coleccións de Google+ estreadas hai menos de tres meses, á vez que segregarán funcionalidades que non consideran que deban estar integradas en Google+ (como o servizo de Fotos independizado tamén hai pouco). Pero o que dá a entender a posible desaparición de Google+ é que están a eliminar os seus piares, de xeito que volverán a permitir a xestión dos servizos de Google sen empregar Google+, comezando por YouTube, servizo que deixará de estar ligado intrinsecamente a Google+, e que trasladará esta separación a outros apartados de Google de xeito paulatino, permitindo incluso que os usuarios poidan eliminar o seu perfil público en Google+, o que parece toda unha declaración de intencións.
Queda agora por ver se o volume de usuarios que emprega Google+ será dabondo como para que Google manteña esta plataforma social activa, ou pase a seguir o mesmo camiño que servizos como Google Reader.

PUBLICIDADE