Google Play xa permite o arrendamento de películas en España

venres, 1 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Cando o Android Market pasou a chamarse Google Play parecía algo ridículo, pois o cambio de nome da tenda de aplicacións para Android non parecía ter sentido, pero agora comeza a xustificarse, pois dende España xa non temos unha plataforma en liña de comercialización de aplicacións, senón que tamén serve de sistema de distribución audiovisual, grazas a que vén de estrear a dispoñibilidade de películas en réxime de alugueiro.
Deste xeito, os usuarios de que vaian a Google Play poderán adquirir películas para velas vía web ou no seu dispositivo con Android a través da aplicación Google Play Movies, o que facilita o acceso a un catálogo de películas divididas en 7 categorías que poden alugarse por 3,99 euros no caso das novidades ou 1,99 euros no caso de corresponder ao fondo de catálogo, prezos aos que habería que engadir 1 euro de querermos gozar das mesmas en alta definición.
As películas adquiridas a través de Google Play terán un prazo de 30 días para comezar a verse, e dende o comezo da reprodución estarán dispoñibles durante un máximo de 48 horas, destacando pola súa dispoñibilidade, pois non só é posible velas mediante streaming, senón que tamén podemos descargalas para levalas nun tablet ou nun móbil para a súa reprodución fóra de liña cando esteamos de viaxe sen acceso a unha conexión á Rede.
Cómpre destacar que, ao estarmos ante unha aplicación para Android que facilita a descarga de contidos protexidos contra as copias, o acceso ás películas non será posible en dispositivos que teñan feito root (equivalente para Android do jailbreak de iOS) para mellorar as súas capacidades, o que claramente busca evitar problemas de seguridade dende o punto de vista da distribución de contidos.


Vídeo que explica as posibilidades do servizo de alugueiro de películas de Google Play estreado no mes de marzo nos EE.UU. e que hoxe chega a España

PUBLICIDADE