Google Glass estrea monturas para quen precise de cristais graduados

martes, 28 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Atendendo ás numerosas demandas dos seus exploradores, o proxecto de lentes de realidade aumentada de Google vén de actualizarse ofrecendo a opción de adaptarse a lentes graduadas, para o que presentaron varios deseños entre os que os afortunados usuarios de Google Glass poden elixir para atopar o que máis se axuste aos seus gustos.
Entre as opcións que ofrece agora Google podemos destacar a colección Titanium, composta por catro modelos de monturas (Split, Thin, Bold e Curve) de pouco peso que agradecerán os que precisen de lentes graduadas para a súa actividade diaria, mentres que para actividades en exteriores resultarían máis atinadas as monturas Edge, Classic e Active. Os usuarios de Glass que queiran unha destas novas monturas deberán aboar 225 dólares.
Dende Google aseguran que este é só o comezo para este tipo de personalizacións dos seus lentes, que continúan a dar moito que falar pese a que aínda non se sabe o que tardarán en chegar ao mercado (pois polo momento a súa distribución limítase a desenvolvedores en EE.UU.).

Varias das monturas para Glass están pensadas para o seu uso en exteriores


Vídeo de presentación das novas monturas para Google Glass

PUBLICIDADE