Google Chrome inicia a súa actualización aos 64 bits

martes, 3 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos anos se impuxeron os sistemas operativos de 64 bits no escritorio, certas aplicacións como os navegadores web resistíanse a dar tal paso por considerar que non tiñan beneficios dabondo para dar o salto dende os 32 bits, pero agora o navegador de Google está a experimentar a este respecto, e hoxe estreou nas súas canles de descarga das versións Canary e Dev de Chrome achegan unha versión da aplicación de 64 bits, que pode substituír completamente á versión actual (importando a súa configuración) tanto en Windows 7 como en Windows 8.
A versión de Chrome de 64 bits permite que a aplicación aproveite os últimos procesadores para conseguir un desempeño máis fluído, cunha mellora media de rendemento do 25%; baixo Windows 8 tamén conseguiría unha importante mellora de seguridade; e incluso estiman que os fallos da aplicación poderían reducirse á metade coa nova versión, nun incremento de estabilidade que agradecerán os usuarios.
Actualmente animan aos desenvolvedores a probar o novo Chrome de 64 bits, e tras recibir o correspondente feedback os que se animen aprobar o novo software, permitirán que esta evolución chegue a todos os usuarios de Chrome.

PUBLICIDADE